Hai algunhas sesións que se agradecen especialmente. Esta é unha delas.
Cadrou que o fillo viña de visita, cadrou que a previsión de nordes era boa e cadrou que a marea alta era ás 6 da tarde. Tiven a inspiración de deixar o remolque pola mañán para gardar o sitio, e cadrou que pola tarde, coa praia petada, puiden aparcar ó lado.
Era o último día de vacacións, e as cousas definitivamente cadraban.
Con disposición de aproveitar a confluencia astral, armámonos dun material tan propicio como clásico. 92 con 23 de aleta e 5 metros de blade para Petrus e 105 con 32 de aleta e 6.5 de gator para min.
E así saímos, co obxectivo de cumprir unha ilusión que tiñamos dende hai moito tempo: subir ate Bamio a tomarlle algo e baixar a favor da corriente.
Eu puiden aproveitar unha racha e xa ir tirando. Petrus tubo que regular cabos, darlle unhas voltas, pero nun ratiño xa estaba a remontar. Non chegamos a cruzarnos con 3 kites que ian “polo río abaixo”, pero os vimos internarse na ría. Supoño que alguén os recollería nalgún sitio. Cruzámonos cun compañeiro de Rianxo, inda que case non poidemos saudalo. Mentres, íamos gañando barlovento con viradas e cinguidas planeando. Por como eran os bordos, estaba un pouco falto de compoñente Este para entrar ben ben, o que non nos impediu remontar ate o muelle de Bamio, no que atracamos contentiños pola fazaña.
Un ratiño de palique cun compañeiro que saíra de Bamio e estaba recollendo e fumos ó camping para tomarnos o noso refresco como dous señores, sentados nas silla de plastico e contemplando o río. Dous anos despois de pensar esta actividade, a cumpríamos. Prestounos de verdade.
E había que voltar. Con Petrus xa enfilando o noso destino, puiden coñecer ó fillo do noso instructor de Wind, mentras víamos a Javi Lois facendo cousas “sinxelas” de freestyle: Impresionante.
Pero non podía demorar, arranquei ó largo sen contemplacións conseguindo sacar dúas trasluchadas, as primeiras con esta táboa. Ó achegarme á praia, o único punto negativo do día. O vento decidiu parar e despois de pelexar moito tempo, acabei voltando a nado. Pero seguía encantado da sesión 😉