Solciño, nordés en torno ós 20 nós, Century 2,5 volvendo explicar porqué ten fans incondicionais, 2:15 horas rodando, 62,9 de máxima e 62,9 km percorridos ¿Pódese pedir máis?.
Pois pode: unha versión estendida da crónica, para compartir un pouco de seudo-literatura buggeira.
Comeza a historia desta rodada cunha reclamación presentada polos rodamentos das rodas traseiras. Un deles faleceu en silencio, tras o longo repouso forzoso que tivo que sufrir. Os seus queixosos compañeiros foron xubilados anticipadamente e substituídos por uns novatos sacados da bolsa para a ocasión. Por sorte a operación realizouse o día antes, ó cargar o material no coche.
Saio do traballo ás 15:00 e enfilo sen comer cara á autoestrada. Cando estou a entrar adiántame Jankor, o único afortunado que puido arranxar os seus asuntos para vir hoxe. Como o itinerario élle descoñecido, chámolle -mans libres, por suposto- e adiántolle para indicar a ruta.
Chegada, saúdo e montaxe a unha velocidade que se achega á mala educación. Xa sabedes: a marea baixa en nada, é pequena, mono,…Dános tempo polo menos a comentar as necesidades de vela. Cargamos con brooza 2 e algo máis pola súa banda. Pola miña bora 3,8, century 2,5, Vampir 1,8 e Buster 1,4, non vai selo demo.
Xa na area, e botando de menos a Óscar que sempre acerta, vexo claro que toca Century. Desprego e poño arnés e casco mentres Jankor vai arrastrando o buggy e o material até o campamento base.
E así arrinco, de fugaz empopada que se converte en través. O mellor vento para esta praia, NO con moita compoñente N, sopra con alegría e permite ir sen problemas cara ó espolón.
O día é luminoso, radiante, a praia está moi seca e contrariamente ao esperado, parece sentarlle moi ben a marea morta. Os nosos primos irmáns de kite dan cor ao ceo e os nosos curmáns afastados de Wind salpican de brochazos o mar. O través acelérase e desaparece a paisaxe, pasando o foco á praia-pista e ao meu medio de tracción.
Tres ou catro paseantes comprensivos ven á primeira que preferimos cruzarnos con eles deixándoos a barlovento. Ao avanzar a tarde serán menos numerosos. Perfecta convivencia durante toda a rodada.
Paso a bo ritmo á beira de Jankor. Estou demasiado contento para parar. Examino toda a superficie dispoñible, que está impecable. Non hai fochancas e os ripple-marks son mínimos.
Longos, traveses e cinguidas a bo ritmo para baixar un pouco o mono, mentres o meu compañeiro prepara a Brooza 2m para arrincar. Paro e ofrézolle a Vampir 1.8 pero de momento vai tentalo con 2 metros. Pregúntame a que velocidade ía. Saco o GPS do peto 🙂 e miro: 59,3. Non está mal.
Media hora máis tarde, Jankor decide que vai pasado e baixa talla. Pola miña banda aproveito para ver como vai esa brooza, que xa debería vir ensinada dadas as súas orixes -Ocórreselle a alguén o anterior propietario?- .
A vela resulta bastante inmanexable ¿Como é posible?. Jankor puxéralle uns mandos demasiado longos e está moi freada. Tómome a liberdade de porlle os curtos que ten por alí, e de trimala un pouco máis solta. A idea é probala, pero nun descoido lío as liñas e temos que dedicarlle un intre a recompor o desaguisado. Valeu a pena. Xa coa súa personalidade habitual, a brooza impúlsame un par de voltas con máxima suavidade e control.
Pero o que buscaba non era exactamente iso. O que me pedía o corpo era un día Century 2.5 :twisted:. e tíveno. Divertidísimo, con algunha saída de pista pola area seca para evitar cans pacíficos pero mal situados, kiters recuperándose na beira, e algunha sinxelamente porque apetecía. Apurando os longos preto do río, buscando puntas de velocidade, remontando cara ao mar para despois facer uns metros de empopada. Fixen todas as manobras que sei e mesmo valorei a posibilidade de tentar un contravento. Corteime, esas cousas hai que aprendelas en condicións máis amables, e se é posible con asesoramento.
Unha situación demostroume o importante que é ter prudencia neste deporte: un kiter volvía andando ao seu punto de partida, pola beira da praia, vea en man. Cando pasei ao seu lado, deixei unha marxe moi ampla, só por precaución, non porque pensase que era necesario. Pois ao final resultou selo !!!!. As bridas ían arrastrándose varios metros por detrás, e non as vin ata que estaba encima. De non deixar a marxe “esaxerada” podería enredarme nas bridas, con consecuencias bastante desagradables.
Jankor xa estaba esgotado, e o Libre Spezial empezaba a enterrarse un pouco nalgunhas zonas que se ían secando e estaban “un pouquiño” aradas :twisted:. Mentres acordabamos dar por finalizada a sesión, vexo no Gps que estou a roldar o 60 km. Decido corrixir a situación revivindo os meus tempos de buggy pequeno. Doulle un par de voltas ó buggy de Jankor con Brooza 2m e xa nos pomos a recoller.
Cinguida a morrer para achegarme o máis posible á saída, recollida de Century, contemplación do precioso atardecer na ría, recollida e a casa felices e contentos 🙂 🙂 .
Se non cambian as predicións, Mañá mais !!!