Mazda MX-5, o proceso de compra

O inicio

Os veráns vivimos en Rianxo. Eso quere dicir que para voltar do traballo teño que ir de Santiago ata o xenial recuncho de Arousa Norte. Pódese facer por autovía, que é moi eficaz pero un tanto aburrido. Levo facendo esto anos, e nos últimos tempos optei por outros traxectos, mais virados e entretidos.

Todo ía bastante ben, pero entrou en xogo a miña debilidade frente a influencia dos medios audiovisuais. Ou dito de outra forma, teño visto demasiados  “Joyas Sobre Ruedas” e “Top Gear” para non ser en absoluto un entusiasta dos coches. Foi abrindose camiño no meu debil caracter de cuarentón a tola idea de mercar un descapotable. Pero claro -Top Gear- , non ía ser un aburrido coche estandar en versión descapotable, e evidentemente, non o ía comprar novo -Wealers Dealers & presuposto limitado-.  Tiña que ser un descapotable de verdade, un roadster, usando a expresión do meu fillo maior, que me gusta máis, tiña que ser un “capotable”. O seu estado natural debía ser a ceo aberto.

A min gustábame o Mercedes SLK, a versión inicial podíase conseguir por un prezo aceptable, e xa ten aspecto de “coche vello”, pero foi vetado pola miña esposa. “A onde vas ti con ese coche de mafioso”.  A seguinte opción foi o BMW Z3, pero o resto da familia -fillo e filla- dixeron que aquelo non molaba, así que so quedaba unha opción, e pasaba polo país do sol nacente.

Nas primeiras aproximacións, sen probar nada, descartei un NA. Quería 6 marchas por aquelo de aforrar algo na autovía –Xa me aclararon que pouco– pero foi quedando, e realmente agora non me lembro con exactitude de porqué o descartei tan pronto. Tamén o quería con control de estabilidade, por temor a non controlar a conducción cun “traseira”. Bueno, coa idea clara de NB ou NC, comezou a busca, que se intensificaría a principios de ano, cando tiña dispoñibeis os cartos que ía usar para o coche.

As primeiras probas.

A primeira proba xa a comentei con detalle, e ate ten epílogo ;-).

http://www.eira.es/blog/2013/11/13/probando-un-mx5/

http://www.eira.es/blog/2014/02/13/probando-un-mx5-turbo-epilogo/

A búsca

A busca en serio comezou a finais de xaneiro, principios de febreiro. Quería traballar o tema no inverno, xa que en teoría, en primavera sube a demanda e tamén os prezos. Visto o visto, creo que sobre todo, polo menos en Galiza, o que tes é menos presión para decidirte, pero non mais capacidade de negociar o prezo, inda que isto é unha sensación miña, evidentemente.

Creo que fun ver todos os mx5 NB ou NC que se ofrecían nese momento por Internet na provincia da Coruña. Quería probar primeiro os NB pola cuestión do prezo. Si me gustaban podía aforrarme moitos cartos, e ó meu fillo gustanlle máis os NB que os NC. Finalmente non o conseguín, polo menos en serio.

O primeiro intento foi un pequeno desastre inda que pasei un día divertido, coa compañía da miña filla, que se apuntou á actividade o 7 de febreiro.

O candidato de primeira hora era un NB 1.8 sportive de 2003. 6 marchas, tapicería de coiro, 146, cabalos e 110.000 km. Por dentro estaba un pouco porco, pero con bastante boa pinta. Só o puiden probar por unha pistiña, xa que estaba sen seguro (*), pero gustoume o pouco que puiden ver. Por desgracia, tiña moitos defectos. Había que pintalo completamente, arreglar un par de bolos, cambiar un par de rodas, facerlle a correa de distribución, cambiar un espello retrovisor que tiña un roto,… Posiblemente o vendedor tería feito un desconto que compensase estas cuestións, quedando o coche en perfecto estado por un prezo global razoable. Creo que si o puidese ter probado en carretera igual caía este, inda que teño pouca vocación de arreglos e talleres. Foi o primeiro momento “Joyas Sobre Ruedas”. De cando o coche se ve moi interesante, pero hai que traballar e invertir nel arreo.

(*) Un consello: Se queres probar un coche, preguntalle ó dono se se pode sacar á estrada polo tema do seguro. É posible contratar por internet seguro para so un día. Necesitase a colaboración do dono e creo que pode costar uns 20€. Desto entereime mais tarde.

O segundo candidato estaba relativamente cerca e so se parecía en que era negro. Un NC sportive 2.0 roadster cupe de 2006 con 75.000km, en perfecto estado, non sendo por un golpe na aleta que o propietario ía reparar. Algo tiña. Faltaba unha grapa na guarnición do maleteiro, o coiro non estaba impecable e os parasois non se aguantaban ben,… evidentemente, minucias. Instalado nun chan de madeira no medio da herba, non contou o propietario con que o diluvio universal continuase. Non fumos quen de sacalo de alí, así que tamén quedei sen probalo, inda que o pasamos ben facendo o inteno. Evidentemente, estaba situado no outro extremo do rango de prezos, un tanto fora da miña idea inicial. Á filla encantoulle, e o gagdet do teito namora.

O 12 de febreiro, fun ver o mais bonito, con diferencia, da miña comparativa. Un NC Sportive 2.0 Special Edition de 2007, con 100.000 km, encarnado, teito de lona negro, marco do parabrisas cromado, llantas preciosas, absolutamente impresionante. En perfecto estado, pode que mellor que o Roadster Cupe. Tampouco puiden probalo mais que por un polígono industrial, inda que foi suficiente. O comportamento, axilidade do motor, a facilidade do cambio encantáronme encontreime moito máis a gusto que en aquel do turbo. O prezo era un pouco máis barato que o RC. So tiña dous problemas, a miña esposa voltou co de “van dicir que andas á fariña”, e a capota de lona é mais esixente en canto a mantemento e algo menos versatil -da mais medo deixar o coche fora. Pola diferencia de prezo, a pesar de que o meu corazon optaba claramente, os restos de racionalidade matemática que quedaban nesta tolemia descartaron esta opción, inda que de cando en vez voltaba con forza, incluso cheguei a comentala nos foros.  E inda faltaban os NB.

A seguinte proba morreu antes de nacer. Un  NB 1.8 sportive 2002, 125000kmm tapicería de coiro e impecable segun o seu propietario. Sonaba parecido á primeira proba, pero despois de facer os arreglos necesarios. O prezo era acorde a ese estado. Cando chamei para concertar cita pediume unhas horas. Pola noite dixo que non o vendía, que estaba xenial e que decidiran quedarse con el ;-). No momento de escribir esto, creo que os entendo perfectamente.

O 16 de febreiro, o propietario do NC negro puido achegarme o coche a Santiago e fumos a darlle unhas curvas. Creo que en canto din un par delas se me puxo cara de tonto. Lembro perfectamente que me ría en alto. Non ía rápido, so alegre, pero a sensación era divertidísima, unha festa. -Momento Top Gear-

O 17 de febreiro, a penultima proba. O propietario pode achegarse a Sigueiro para que vexa o seu  NB 1.6 limited edition 2002 61.000 km. Está perfecto, todo impecable. Revisións na Mazda, dous propietarios, rodas novas, todo ok. Racionalmente, a mellor elección. O máis barato, en bo estado, menos potencia, en conxunto a opción máis axeitada. Saimos de probas, e atopamos una estrada ben chula, e con bastante bo firme. Mirara por internet e saiume ben a elección. De Siguieiro a Ponte Carreira. Na proba vexo dous aspectos fundamentais. O xoguete ten potencia suficiente, pero hai que subilo moito de voltas. E os asentos non me acaban de ser cómodos. Acabo canso da proba, ate o volante me parece demasiado grande. Vai perfecto, pero pesa a miña tradición TDI. Creo que si fose usuario de coches pequenos de gasolina tería optado por aquí. Tamén o perxudicou que non se puido sacar o teito, e resultaba máis claustrofóbico que os outros, todos probados no seu estado natural e desexable.

Sobre estas datas, apareceu un novo xogador nas ofertas de internet. Un NB1  1.8 touring de 2001 con 100.000 km e 140 cabalos, que ademáis estaba en Santiago. O 19 de Febreiro quedamos de “aqui te pillo aquí te mato” ás 15:50 -menudas horas-.

Este tamén era negro, perfecto de pintura -quick detail, comentou o propietario- , rodas en bo estado, barras antivuelco Carmona -detalle que me gustou moitísimo- e que lle engade valor ó coche. Cables de bujías cambiados. En xeral moi ben. Este resultoume máis cómodo, inda que os asentos se supoñen peores que os NB2. Probeino e me encantou. Atopábame moito máis cómodo con ese punto máis de potencia, e creo que ate experimentei o diferencial autoblocante nunha saída rápida. Foi o segundo momento “Joyas Sobre Ruedas”, pero esta vez era a proba do coche despois de arreglalo. Creo que me gusta máis o cambio do NB que do NC e o do NC gustame moito. Un detalle curioso, eu tiña a percepción de ir rápido pero o velocimetro decía que ía a 30. Eu pensando, caráy, que sensación de velocidade tan lento. Ata o día despois non asociei co dato que me comentou o vendedor, que cambiara o cadro por un americano, e que estaba en mph. O que subscribe non se deu conta de que un maximo de 140 non aplicaba moito…Tiña unha radio nova, con lector USB, bluethoot para o teléfono, soaba ben. A única pega que tiña era que os asientos estaban un pouco acabados. Para quedar ó meu gusto de todo, seguramente tería que levalos a tapizar. O prezo era bastante bo, e seguramente o dono podía axustarmo un pouco. Quedou constituído como a opción para os NBs.

Nota Importante:  Moitas grazas ós propietarios pola seriedade, atención e excelente trato. Eu tentei ser igualmente un cliente serio e atento 😉

Os criterios e as idas e voltas.

Así pois, os candidatos estaban claramente definidos. NB1 con barras antivuelco ou NC1 con teito duro. Un 90% mais caro o NC.

¿E agora que? Hai que escoller entre dúas opcións que son moi diferentes, cada unha cos seus valores. ¿Que aplica entón? Pois facer listas de pros e contras e liarse ben liado para acabar incluso agobiandose ata decidirse, e inmediatamente despois de decidirte ter claro que a opción correcta era a outra. Sensación que tería tamén coa outra opción.

Desgranando os criterios.

Seguridade: NB: Arcos antivuelco, ABS, So airbags frontais, non laterais, non ten control de tracción, os discos de frenos son mais pequenos que os do NC. NC: Non ten antivuelco, rumorease que a estructura algo protexe, ABS, airbags frontais e laterais, control de tracción, discos de freno mais grandes.

Capotar/descapotar : Aspecto importante, xa que unha das claves e esto. O NC non da pereza ningunha capotar/descapotar, no NB hai que ter algo de coidado coa luneta e coas barras, non é tan sinxelo e cómodo.

Conducción: Case é o de menos, divertidísima nos dous casos.

Percepción de “clasico”. Non é banal, eu quería un clasico -non no senso legal, no amplio- . Aquí non hai color na miña percepción. O NB1 é un clásico e o NC é un coche,  nivel de tecnoloxía, como o que xa teño, e a maiores roadster descapotable. Ó mellor teño máis ganas de roadster que de clasico.

Prezo e reventa. Se estou disposto a perderlles un 20% do pagado, creo que os dous teñen facil venta no caso de que me canse -cousa que nestes momentos me parece improbable, pero é cedo-. En Galiza un teito duro sempre se valorará máis. A sensación de “patrimonio” fai que as diferencias de prezo non  parezan tan grandes. Gasto máis, pero podería recuperar os cartos en caso necesario.

Mantemento: Mais barato o NB1. Pode que haxa mais risco de averias pola edade, pero seguramente serán máis fáciles de reparar, en rodas gasta moito menos… , o teito de lona hai que limpalo, coidalo. Precisa de máis atencións e non é que teña moitísimo tempo e vocación. O NC é mais caro pero seguramente me esixe menos a min persoalmente.

A decisión final

O 19 de febreiro era mercores, e o proceso de compra estaba consumindo bastantes recursos de cabeza, así que decidín poñerme de prazo o fin de semana para tomar una decisión.

Os días foron neste aspecto o típico péndulo: Ás 3 da tarde podo gastarme moitos cartos no capricho da miña vida e ás tres e cinco penso que estou como unha regadera e que de onde vou sacar diñeiro para tanto coche. Ás 4 da tarde estou convencido de querer un clásico de villabroncas e ás 4 e dez quero un cómodo e moderno descapotable de teito duro. “Joyas Sobre Ruedas” versus Top Gear, dando voltas na miña cabeza, cun necesario prazo que se achega e debo cumprir para non tolear de todo.

O sábado 22 o péndulo seguía oscilando, e non sabería dicir se mais para un lado ou para outro. Inda que a posteriori creo que se ía achegando máis ó lado onde finalmente quedou amarrado. Un dos propietarios pasou a acción por wassup. “Mañán vou ensinar o coche, tomaches algúnha decisión”. Creo que tivo sorte, en aquel momento o pendulo estaba do seu lado. Eran as 16:30.  A pesares desto, inda analicei por internet algunhas cuestións do competidor, non respondín  ate as 20:50. “Non o leves a enseñar, quédome con el”.

And the Winner is…. O gañador son eu !!! :-). Con calquera dos dous ía gañar. 😉

E o novo membro da familia é :

wpid-20140309_191605.jpg

wpid-20140307_182204.jpg

wpid-IMG-20140307-WA0000.jpg

wpid-IMG-20140308-WA0001

Un Mazda MX5 NC1 Sportive 2.0 Roadster Cupé de 2006, entregado con 75.000 e pico e que xa ten 76.000 km 🙂

Creo que os puntos que me fixeron optar por el foron a seguridade/electronica, a facilidade de descapotar e o menor traballo que tiña que dedicarlle. O coiro da máis sensación de limpeza. Tamén pesou que, como din nos foros, suponse que é mais moderno e “mellor coche”. Tomei en consideración a distribución variable (non sabía o que era eso ate hai pouco), causante, creo, da resposta mais acorde ó meu estilo. A capota dura creo que o fai mais usable De feito está durmindo fora estes días e estou aceptablemente tranquilo. Teño a sensación de que é unha inversión mais utilizable, e esto está ben. Obviamente, en cuanto tomei a decisión arrepentínme, pero creo que vai durar pouco. Ó escribir esta crónica fun consciente de que “Con calquera dos dous ía gañar. ;-)” algo que non pensara ate agora, e que é unha idea que  axuda.

O proceso de compra

É tedioso e está explicado en moitos sitios. Unha peculiaridade que me gustou é que firmamos un contrato de arras, o que nos dou seguridade ós dou sobre o tema. Outra: o imposto de transmisión pode facerse de xeito completamente telemático en Galiza.

A entrega:

Foi un tanto accidentada, dúas persoas ocupadas, cadrando horarios e correndo para pillar un tren e para facer papeleos 5 minutos antes do peche de oficinas. Pero tivo algo especial:

O inverno de 2014 foi un dos peores dos últimos 50 anos en Galiza, choveu para dous diluvios universais, soplou para rentabilizar todos os parques eolicos do pais e non vimos o sol en 3 meses.

O venres 7 de marzo parou a choiva, parou o vento e saiu o sol.

Foi un sinal ;-). Para o vendedor de que o día de entrega debía ser o luns. Para min de que tiña nas máns algo especial, que me ía regalar moitas satisfaccións.

O estreno:

Pasados os apuros da mañán, abríase un precioso fin de semán cun tempo feito á medida do meu cochecito, e non pensaba desperdicialo.

O primeiro, un paseiño a miña filla, a maior defensora do coche escollido. Ida e volta unhas curvas e os dous encantados.

O segundo, levar ó fillo ó milladoiro. Sobre a marcha, xa que estou cerca, decido facerlle unha visita a un amigo moi querido, aficionado ós coches. Aparco diante do portalón opaco da súa casa, timbro e espero a que abra a porta. O primeiro segundo só me ve a min, sorrí como habitualmente, ate que ve o que traio de compañía. Lástima non grabalo. A cara de alucine que puxo non tiña prezo. Despois de comentarlle con pelos e sinais todo o que sabía do coche, e descubrir nese proceso que é unha “barra de torretas” (confirmado por interné), fumos a darlle unha volta. Non teño claro quen quedou máis contento, a pesar dos seus 1,90 de estatura. Inda tiña que recoller ó fillo, así que fun ó Milladoiro. Cruceime de camiño cun Jaguar descapobale encarnado… a todo hai quen gane ja, ja, ja.

Depois dun venres completiño, o sábado non ía ser memos. Comezou cunha ruta a Rianxo pasando por Pontevea, Padrón, Dodro e ponte de Catoira. Preciosa ruta, impresionante coche, perfecto clima. Só un mínimo “pero” o Parrot lévase a matar co meu teléfono, polo menos en canto a reproducir música. Non se pode ter todo, ou si, pero é moito máis caro ;-).

Pola tarde, a petición da miña esposa, saímos de paseo ate Noia, a disfrutar do día. Un paseo moi xeitoso, con visita improvisada e moi agradable… outra moi interesante faceta que nos ofrece este coche, agora que os nenos xa son adolescentes con vida propia. Despois da experiencia, con compra en Bricoking de Riveira incluída, escapouselle á xefa un “noso coche” en lugar de “teu coche” 🙂 🙂 Non se podía pedir máis ás primeiras 32 horas da “Era MX-5”.

O domingo fixo peor día e tocou traballar e voltar de noite, pero que nos quiten o bailado e a semana apunta a un uso intensivo de “capotable” 😉

 

PD: E así foi, toda a semana co mx5 de arriba para abaixo. 🙂

Probando un mx5 turbo. Epilogo

Hai un tempo probei un Mazda mx5 NC sportive con turbo.

Probando un mx5

Onte a miña busca de mx-5 levoume a un NC limited edition, e por azares do destino, o vendedor coñecía ó comprador do coche que probara.

Resulta que ós 400 kilómetros de compralo reventou o motor. Están mirando si lle poñen outro ou o reconstrúen.

Isto é o que nas rías baixas se chama unha zafada -léase “safada”- do quince. Ufffffff

Parece ser que o coche foi moito a circuíto despois da preparación co turbo, e xa se sabe….

 

Probando un mx5

Para seren exactos, probando un mazda mx5 2.0 sportive de  2006, con un kit turbocompresor instalado.

Dende o meu punto de vista e a miña escasa capacidade de condución, resúmese nunha palabra: SALVAXE.

Sendo un pouco máis elaborado, parece o cadaleito mais bonito que “podo”  comprar se quero enterrar ó meu fillo.

As primeiras impresións proceden da miña visita inicial ó concesionario: Coche precioso de cor e tapicería, aceptáblemente cómodo. Descapotado da unha sensación de “semiprotección” O parabrisas ten un marco ancho, e a posición de conducción é moi baixa, polo que “tes coche” arredor. Básicamente sinteste ben sentado dentro, moi ben.

Ó día seguinte, despois de chegar e saudar ó comercial, vou á porta a esperar por el. Saca o coche do garaxe con sonoridade, case se pode dicir que dándolle caña. Un rato despois, cando saín á estrada, entendín por que.

Comentamos o tema do turbo. Quedara picado, no bo sentido, polo que lle dixera o primeiro día de que o coche non tiña turbo de serie, e preguntou en taller. Dixéronlle que si, que tiña turbo e que por eso a batería estaba no maleteiro, para facer sitio. Resolta esta cuestión,  sei que os 160 CV orixinais poden ser agora 220.

Sento no posto do conductor, e ate que poño o cinturón non se cala o avisador, moi prudente 😉 Liberamos o bloqueo do teito, fácil e rápido. Nos afamados 12 segundos estámos a ceo aberto, con 13-14 graos de temperatura.

O primeiro que fago e calar o coche tal cual un novato. O recorrido do embrague é moito máis corto que o dos coches que uso, e hai que acelerar ate 2000 voltas para saír cómodo. En canto estou en camiño, tento poñer en práctica a intención de usalo en torno ás 4500 voltas, pero a carretera e as limitacións de velocidade e o tráfico non me deixan de momento.

Primeiro punto de “cousas a avaliar”: o ruido do motor e do escape non me molestan, nin siquera son consciente deles, so noto o vento deslizandose pola carrocería para despois crear sonoras turbulencias. Só me despeino un pouco, inda que esto soubeno ó chegar á casa. Eso sí ó comercial quedoulle un tupé chulísimo XD, XD.

Aproveito que saímos da rotónda que une o periferico coa autovía de Lugo acelero en segunda, terceira,…120 km/h.

Medo.

É unha bala, sóbranlle 3 marchas a velocidades legais,

Despois experimentei o que menos me gustou do coche. Descapotado por unha autovía de bo firme, inda que peleona nas curvas, circulo en sexta a una velocidade de +- 110. Non vou cómodo. Teño que levar un grao de concentración alto -7 sobre 10-, cando o habitual no SMax é medio, -4 sobre 10-. Non sei exactamente porque. Hai que recoñecer que está soplando o vento, de feito deunos un pequeno bandazo, pero se supón un coche tan baixo debe ser asentado. Pode ser unha cuestión de percepción. Tamén pode influir que os neumáticos dianteiros están moi  gastados, pero en seco…¿?.

Saimos a secundarias, buscando unhas curviñas, que non chegamos a atopar. Conducindo a 2000 voltas notas o par saindo por todos os poros do coche. Todos os intentos de cambiar a mais de 4500 acaban fora da ley e afloxando. A sensación de aceleración é brutal, e estou sendo suave. ¿Como sería se realmente o exprimise? ¿Son tan burgués e pacífico que todo me da medo? O que si teño claro e que tentar exprimilo coa miña experiencia e capacidade actuais é equivalente a encamiñarme directo ó cemiterio.

Por fin unhas curviñas, pero tan amplias que tería que ir a 110 para que o coche as notase. Toca parar e poñer a capota, para ver as sensacións e quitar o frío da coronilla XD. O pitido corto avisa de que non está completo o proceso. Miro e efectivamente, inda non acabou de pechar a tapa. Claro e eficaz. Completase o proceso, poeñemos o seguro, e a seguir

Ruidoso. Con que estea a estrada regular escoitase bastante a unión do teito co parabrisas. Non esperaba esto para nada. De todos xeitos, ó ratiño xa me esquecín. Un par de curbas de secundaria, divertido para min, o coche nin se inmuta. Creo que lle empezo a coller o punto, pero xa hai que ir tirando para “casa”. Sobre todo porque non teño tempo á recorrer máis, se chega a ser polo comercial votamos outra hora. Creo que el comezaba a divertirse xusto cando eu empezaba a ter medo.

Incorporandome á xeral, experimento o EPS. Si é intrusivo, como din moitos artigos e opinións. Era unha saída normal, acelerei con un pouquiño de ánimo, pero non se podería decir que o fixen con brio, e saltou, facendo que o coche abanease como si estivese usando mal o embrague.

Un detalle “a posteriori” : non sei que tal se ve polo espello central. Esto ten dúas esplicacións posibles : ou vai perfectamente ou só utilicei os laterais. En ambolosdous casos o resultado é satisfactorio jiji.

En fin unha proba moi reveladora das virtudes de defectos en canto ás miñas espectativas, inda que un tanto deformada polo turbo. Non necesito tanta potencia, ó mellor dentro dun tempo si, pero francamente neste momento miro os de 110 cabalos con outros ollos, haberá que probar algún.